
Na tarde de onte, xoves 12 de febreiro, representantes da Plataforma Galega Antitransxénicos trasladaron ao Bloque Nacionalista Galego propostas concretas* de cara a executar os pontos recollidos no documento aprobado o pasado 26 de novembro no Parlamento Galego*.
Esta xuntanza enmárcase dentro das solicitudes de reunión realizadas aos tres grupos políticos maioritarios da Galiza, á espera de resposta por parte do PSdG-PSOE e PP.
Neste encontro, Ana Pontón, voceira do BNG na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Galego, dando conta dos posicionamentos recollidos dentro do programa electoral, concretou a plena coincidencia coa PGA na pertinencia de que a Galiza sexa incluída na Rede de Rexións Europeas Libres de Transxénicos.
PGA e BNG subliñaron a necesidade de transferir as competencias necesarias para efectivizar o dereito do pobo galego a decidir o tipo de alimentación e
modelos de produción que queremos para o noso país.
Neste senso salientouse a clara vinculación entre a introdución de organismos modificados xeneticamente (OXM) e o control da alimentación por parte das transnacionais da biotecnoloxía (MONSANTO, PIONEER-SYNGENTA,BAYER...), entidades que lonxe de solventar os problemas de desigualdade e fame no mundo** impoñen un modelo de produción insostíbel, inxusto e que atenta contra o dereito á soberanía alimentar dos pobos.

Asemade, Pontón amosouse receptiva perante da solicitude da PGA da creación dun órgano de supervisión e seguimento das medidas a adoptar para evitar
a introdución de OXM´s na Galiza.
Finalmente, a Plataforma Galega Antitransxénicos esixiu que a claridade do posicionamento recollido no programa electoral desta agrupación política sexa
transmitida de xeito contundente á cidadanía.
*Adxuntamos documentos.
**Dende 1996 a Arxentina incorporou de xeito masivo os cultivos transxénicos no seu agro. Nembargantes, a metade da poboación -18 millóns dun total de 37- atópanse por embaixo do umbral da pobreza. Namentras, a soia e o millo transxénico alimentan o gando e os coches dos países ricos.
| Adxunto | Tamaño |
|---|---|
| 20090212_nota-de-prensa_PGA.pdf | 373.87 KB |
| propostas_minimas_grupos_politicos.pdf | 41.81 KB |
| comentarios_ao_texto_parlamento.pdf | 139.05 KB |











Ven, 02/13/2009 - 14:42
Por que non lle ides ESIXIR tamén ao PSOE e ao PP?. Até o de agora o BNG foi a única forza que levou o asunto dos transxénicos ao Parlamento e semella que o responsabilizades de que se fagan ensaios e se cultiven tranxénicos en Galiza, cando a competencia é ESTATAL!
Sede un pouquiño máis serios, meus.
Enviar un comentario novo