26.12.2009 [GALICIA-HOXE.COM]

Amigos da Terra denuncia que tres variedades transxénicas de millo que se cultivan en España mostran "claras evidencias de riscos para a saúde".

Un novo estudo realizado por científicos franceses das universidades de Caen e Rouen sobre tres variedades de millo modificado xeneticamente, mostra claras evidencias de riscos para a saúde. É o que denuncia a asociación ecoloxista Amigos da Terra, segundo a cal, España é o único país da UE que permite o cultivo dun destes millos, Mon 810, a grande escala.

O estudo realizouse a través de ensaios da multinacional Monsanto, que comercializa os tres millos. O equipo científico examinou os datos de ensaios con ratas que se presentaron para conseguir a súa autorización, que eran ata agora confidenciais e foron obtidos en moitos casos por vía xudicial. Segundo os autores, é a primeira vez que estes ensaios confidenciais que Monsanto presentou para autorizar os seus produtos son revisados por investigadores independentes.

Os científicos encontraron evidencias claras de riscos para a saúde en parámetros sanguíneos asociados coas funcións renais e hepáticas. Os cambios observados cos tres millos transxénicos seguen patróns típicos de disrupcións no sistema metabólico. O equipo tamén critica duramente a forma na que os datos foron analizados por Monsanto, sen cumprir os estándares estatísticos internacionais nin os estándares para ensaios alimentarios.

Os tres millos teñen, porén, o visto e prace das autoridades europeas, que permitiron a súa importación para entrar na alimentación humana e animal en Europa e un deles, o Mon810, cultívase sobre todo en España.

"Estes estudos demostran que non é posible garantir a seguridade dos alimentos transxénicos. Debemos aplicar o principio de precaución e retirar os transxénicos da nosa agricultura e da nosa alimentación" asegurou David Sánchez, responsable de Agricultura e Alimentación de Amigos da Terra Madrid.

Este novo estudo científico engádese a unha longa lista de estudos independentes sobre os impactos ambientais e os riscos para a saúde dos produtos transxénicos, que de forma reiterada son ignorados polas autoridades españolas e europeas.

Ana Etchenique, vicepresidente da Confederación de Consumidores e Usuarios(CECU) asegurou que "non é posible que un goberno escoite antes a industria que os cidadáns; ten que velar por prácticas agrícolas responsables, pola seguridade dos alimentos e pola saúde dos cidadáns e consumidores. Por que o noso Goberno non segue os pasos de países como Francia, Austria ou Alemaña, que xa prohibiron o cultivo de transxénicos?"

España é o único país da UE que cultiva transxénicos a grande escala, nunha situación de absoluta falta de transparencia e control. Entre os múltiples impactos demostrados, está a contaminación dos cultivos ecolóxicos e convencionais por transxénicos. Segundo denuncian, os afectados non teñen amparo legal e foron reiteradamente ignorados polo Goberno.