31.01.2010 [Galicia Hoxe]
A organización ecoloxista Amigos da Terra denunciou que as compañías biotecnolóxicas Bayer e Monsanto solicitaron permiso ó Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM) para tramitar ensaios con transxénicos “perigosos” en municipios españois que inclúen espazos naturais protexidos
Monsanto e Bayer solicitáronlle ao Goberno español permiso para realizar experimentos ao aire libre con cultivos transxénicos en municipios que engloban polo menos 50 espazos naturais protexidos, dende espazos da Rede Natura 2000 ata Parques Nacionais como Daimiel. Aló menos, iso é o que acaba de denunciar a organización ecoloxista Amigos da Terra.
A agrupación asegura que estes cultivos experimentais non pasaron por ningún trámite para avaliar a súa seguridade, e dalgúns mesmo se demostraron os seus danos sobre a saúde. Estes transxénicos formulan un risco inaceptable de contaminación doutros cultivos e para o medio e pr iso Amigos da Terra esíxelle o Ministerio de Medio, Medio Rural e Mariño que cambie a súa actitude, poña a defensa do medio e a saúde pública por enriba dos intereses das multinacionais, e denegue os permisos para realizar estes ensaios.
Como cada ano, empresas como Monsanto, Bayer, Pioneer, Procase ou KWS solicitan permiso para experimentar con organismos modificados xeneticamente ao aire libre. Entre os permisos solicitados para 2010, hai máis de medio centenar de ensaios en municipios que engloban espazos naturais protexidos, con millo, remolacha ou pataca, repartidos por case todo o país. Nin as empresas nin o Goberno dan a localización exacta dos ensaios, polo que poderían estar situados dentro dos espazos protexidos.
En 2009 estas mesmas empresas solicitaron ensaios en 67 municipios. Moitos deles con transxénicos perigosos para a saúde. Amigos da Terra e outras organizacións presentaron alegacións a todos eles. O Goberno nunca respondeu, e non hai forma de saber se finalmente se autorizaron ou realizaron estes
ensaios.
Amigos da Terra afirma que é o Goberno o que os autoriza, logo de informe da Comisión Nacional de Bioseguridade (CNB). Este organismo, "cuxa independencia e representatividade científica é moi cuestionable", segundo os ecoloxistas, non publica as súas actas dende xuño de 2008, dando unha mostra máis da política de escurantismo do Goberno en materia de transxénicos.
Dalgunhas das variedades para as que se pide autorización para o ensaio, que poderían estar situados en espazos naturais protexidos, demostrouse os seus posibles danos á saúde. Pero a súa localización está dispoñible só no eido de municipio. Dende Amigos da Terra fíxose unha petición formal para que se faga pública a localización no ámbito de parcela, como marca a lexislación e corroborou unha recente sentenza do Tribunal Europeo de Xustiza.
España acolleu o 42% dos ensaios experimentais ao aire libre que se realizaron na Unión Europea (UE) durante os últimos anos, segundo datos oficiais. O 82% destes ensaios foron realizados por multinacionais como Monsanto, Bayer ou Pioneer, o que converte a España, co visto e prace do Goberno, no gran laboratorio das multinacionais dos transxénicos.
Ademais de albergar case a metade dos ensaios ao aire libre na UE, España é o único país que cultiva transxénicos de forma comercial, con máis de 76.000 hectáreas de millo transxénico cultivadas en 2009. Fronte a esta posición, países como Francia, Alemaña, Austria, Grecia ou Polonia manteñen a prohibición do seu cultivo. A situación dos transxénicos en España é tan escandalosa, e é tal o desprezo do Goberno cara ao medio e a sociedade civil, que varias organizacións ecoloxistas, de consumidores, agricultores e de cooperación recorreron recentemente ao Valedor do pobo para pedir amparo.
David Sánchez, responsable de agricultura e alimentación de Amigos da Terra afirmou: "Liberar transxénicos ao medio é unha irresponsabilidade. Pero cultivar transxénicos con demostrados danos á saúde, afectando a espazos naturais protexidos é unha mostra máis da pouca ética destas empresas e de cales son os intereses que defende este Goberno, que non son precisamente os dos consumidores ou o medio".
Pola súa banda, fontes do MARM precisaron a Europa Press esta semana que "todas" as peticións que existen respecto diso expóñense publicamente na súa páxina web (www.marm.es) e quedan abertas para posibles alegacións. Así mesmo, recalcaron que "non teñen coñecemento" de que Amigos da Terra faga algunha reclamación sobre o asunto ó que fan referencia.
Así, as mesmas fontes sinalan que calquera solicitude carrexa un proceso que pasa por un Comité Científico formado por persoas "de gran renome e prestixio" onde hai representación das comunidades autónomas e é onde se analizan as peticións e estúdanse "todos os pros e os contras" para despois aprobar "as que cumpren os requisitos necesarios que dita a lei". Finalmente, as solicitudes pasan ó Consello Interministerial onde se volven revisar.
Mentres, unha das empresas sinaladas por Amigos da Terra, Bayer CropScience asegura que non levou a cabo "ningún" ensaio de campo con algodón modificado xeneticamente en espazos naturais ou protexidos e que "todos" os que desenvolveron foron autorizados polas autoridades competentes ademais de estar de acordo coa "lexislación europea e española". "Nós non imos facer, nin faremos, nin fixemos ensaios en parques naturais, é totalmente imposible", indicaron, á vez que subliñaron que non teñen "ningún tipo de interese en facer cousas contra o medio natural".
Así mesmo, ante dita acusación, Monsanto Agricultura España aclarou que o desenvolvemento de "todos" os seus cultivos experimentais realízase seguindo "estritamente" o marco regulatorio español e, "tal e como establece a normativa vixente", estes ensaios só se solicitan e autorízanse "exclusivamente" naqueles lugares onde xa se cultivan variedades convencionais da mesma especie. En España, segundo esta compañía, os ensaios experimentais de cultivos xeneticamente modificados véñense realizando desde 1995 "sen que se describise nunca ningún efecto prexudicial para o ambiente ou para a saúde humana".
Fonte: tierra.org











Enviar un comentario novo