A denuncia da falta de control e seguimento sobre a experimentación con organismos xeneticamente modificados (OXM) na localidade de Mesía (A Coruña) revelou hoxe os fortes intentos de ocultar as irregularidades que arrodean a experimentación transxénica.

Leira de experimentacion en Mesia setembro 2010

Compostela 17 de setembro do 2010.

Antonte, mércores 15 de setembro, no marco do seguimento que a Plataforma Galega Antitransxénicos (PGA) está a facer da única parcela -segundo o Ministerio- para experimentación transxénica concedida en Galiza (en Mesía, a cargo da multinacional PIONEER), confirmamos o crecemento de rebrotes dos cultivos, malia que, segundo informou a DG de Desarrollo Sostenible del Medio Rural (Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino, MARM) o pasado 12 de agosto, este ensaio fora destruído de xeito prematuro xa que “debido ás condicións climatolóxicas, a nascendencia das plantas de millo foi moi desigual[…] ”(1).

Leira de experimentacion en Mesia setembro 2010

O rebrote deste millo transxénico constitúe, entre outras (2), unha contundente ameaza ás plantacións de millo convencional próximas (3) (moi abundantes na zona de Mesía), xa que a contaminación ten lugar mediante a polinización (vento, abellas), incontrolábel a ceo aberto.
Dende a Plataforma Galega Antitransxénicos procedemos rapidamente a rexistrar a primeira hora da mañá de hoxe, pasadas menos de 48hrs. dende o descubrimento desta ameaza ambiental, solicitudes de información dirixidas tanto ao Xefe de Servizo de Sanidade e Producción Vexetal - Dirección Xeral de Producción Agropecuaria (Consellaría do Medio Rural), como ao Presidente do Consejo Interministerial de Organismos Modificados Genéticamente (MARM)(4)(5).

rebrotes de millo con mazorcas

En segundo lugar, para facermos a denuncia pública da total ausencia da execución dos protocolos de precaución normativos (6) e a falta de control sobre a destrución do experimento, realizamos unha convocatoria de rolda de prensa in situ aos medios de comunicación con apenas dúas horas de anterioridade con respeito á mesma.

Charo Sanchez declarando para os medios de comunicacion

De xeito consciente, a falla de marxe na convocatoria tiña como obxectivo non facer pública as intencións de realizar esta denuncia, a fin de que non puideran ser destruídas as evidencias -os rebrotes- atopados na leira.

Á chegada das representantes da PGA (10:30 hrs. desta mañá), a leira amosaba evidencias da retirada manual dos pés de millo rebrotados.
Descoñecemos como se puido filtrar a información de que a PGA ía realizar esta acción de denuncia, máis tendo en conta que a xestión da mesma fíxose coa intensa discreción que estas respostas requiren.

Analía Moares declarando para os medios de comunicacion

Este suceso, ao noso entender, fala por si só do control e vixiancia (7) ao que están sometidas as iniciativas en contra da imposición da tecnoloxía xenética (8).

Dende a Plataforma Galega Antitransxénicos, que a día de hoxe xa agrupa a 46 colectivos3 de toda Galiza, queremos expresar que este intento de bloquear a denuncia pública da neglixencia e falta de respecto polas medidas de control obrigatorias na experimentación con organismos xeneticamente modificado reforza a nosa loita e danos máis azos para seguir facendo fronte ás multinacionais da manipulación xenética4 e aos gobernos que as respalden.

Leira de experimentacion en Mesia setembro 2010

NOTAS:
1 Documento adxunto “Resposta do MARM”.

2 "Riesgos y preocupaciones" de los transgénicos. Por investigadores de la Universidad Estatal de Colorado.

3 "La imposible coexistencia". Por Rosa Binimelis.

4 Documento adxunto. Solicitudes de información dirixida ao Xefe de Servizo de Sanidade e Producción Vexetal - Dirección Xeral de Producción Agropecuaria (Consellería do Medio Rural).

5 Documento adxunto. Solicitudes de información dirixida ao Presidente do Consejo Interministerial de Organismos Modificados Genéticamente (MARM).

6 (...) el ensayo podría detenerse y destruirse mediante la destrucción mecánica o la pulverización con un herbicida distinto del glifosato y del glufosinato, y mediante la incorporación en el suelo con un roturado profundo. Al final de la liberación, todo el material vegetal que no haya sido recogido para su análisis será destruido troceándolo e incorporándolo al suelo mediante un roturado profundo.” (Adxuntamos documentos completos “Medidas de Control-Pioneer” e “Evaluación de risco MARM”).

7 Exemplo de colectivos presionados polo lobbie transxénico.

8 Apoyo a Seralini e o seu equipo, investigadores perseguidos por evaluar os riscos dos transxénicos sobre a saúde.

9 Entrevista a Gilles-Eric Seralini. Referente europeo no estudio de agrotóxicos.
"O glifosato estimula a morte das células de embrións humanos"

AdxuntoTamaño
RESPOSTA_DO_MINISTERIO_DE_MEDIOAMBIENTE_MEDIO_RURAL_Y_MARINO.pdf64.22 KB
SOLICITUDE_DE_INFORMACION_transxenicos_cmr_100916.pdf596.05 KB
SOLICITUDE_DE_INFORMACION_transxenicos_MARM_100916.pdf464.13 KB
MMAMRM_evaluacion_de_riesgo.pdf55.45 KB
Competencias_CMR_e_Ministerio_Ley_9_2003.pdf78.84 KB
Medidas_de_control_BES1034.pdf36.13 KB
NdP170910_Irregularidades_na_experimentacion.pdf404.07 KB