Compostela 22 de setembro do 2010

Na mañá de hoxe Charo Sánchez e Adolfo Naia, acudiron coma voceiros da Plataforma Galega Antitransxénicos (PGA) ás xuntanzas concertadas co Partido Socialista de Galicia e Bloque Nacionalista Galego dentro da xeira de reunións cos grupos parlamentares establecida pola Plataforma para o presente mes de setembro.

Cómpre iniciar a valoración de devanditos encontros sinalando que logo de que a vogal do grupo socialista na Comisión Parlamentar de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, Carmen Gallego Calvar, se comprometera a pasada semana a recibirnos no día de hoxe, na que suporía a primeira vez que o PSdG accedese a reunirse coa Plataforma Galega Antritransxénicos, chegada a hora unha das súas compañeiras de partido indicounos que Carmen Gallego non podería acudir, por ter concertado para a mesma hora unha xuntanza noutra provincia, revelando o grado de interese que o PSdG ten ao respeito dunha problemática que está a ameazar a biodiversidade do noso País, a nosa saúde e a economía do sector produtor de alimentos.

Polo tanto, pasados dous anos da constitución da PGA, a xuntanza co grupo socialista inda fica pendente. Segundo se comprometeron novamente hoxe, o encontro podería ter lugar nun prazo aproximado de dúas semanas.

No tocante á reunión co grupo parlamentar do BNG, á que acudiu Tareixa Paz, vogal da Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, comprometéronse a realizar unha pregunta parlamentaria dirixida á Consellaría do Medio Rural en demanda de información ao respeito da actitude neglixente evidenciada logo do rebrote do cultivo de millo experimental transxénico sementado en Mesía. Asemade, esta pregunta será trasladada a nivel estatal no Congreso e Senado a través dos representantes do grupo nacionalista.

Por outra banda, dende o BNG asumiron a responsabilidade de pedir o posicionamento público do Goberno galego en relación á recente declaración da illa de Madeira como zona livre de transxénicos (1).

A representante do grupo nacionalista concordou tamén coa Plataforma Galega Antitransxénicos na urxencia de que nos comedores públicos, tanto escolares coma de hospitais e outros servizos rexidos pola Administración galega, se garanta a ausencia de alimentos modificados xeneticamente ou alimentados con penso transxénico, sendo estes substituídos por alimentos de tempada subministrados por produtoras e produtores da zona.

Finalmente, e ao igual que fixo a pasada semana a representante do grupo popular, Isabel García Pacín, Tareixa Paz confirmou a vontade do BNG de reunirse periodicamente coa Plataforma Galega Antitransxénicos, a fin de poder partillar información sobre a problemática da introdución de organismos xeneticamente modificados no noso País e realizar un seguimento conxunto das demandas de información solicitadas á Administración galega

(1) Madeira é zona livre de transgénicos. 27 de xullo do 2010.

AdxuntoTamaño
NdP220910-Xuntanza_da_PGA_cos_grupos_parlamentares_BNG_e_PSOE.pdf421.01 KB