Amigos de la Tierra publica a localización exacta dos campos transxénicos experimentais que se solicitaron en España en 2011. Esta información, encuberta polo Goberno ata unha sentenza do Tribunal Europeo de Xustiza, foi publicada por primeira vez en 2010 e supuxo unha redución nos experimentos realizados polas multinacionais en España. En 2011, unha empresa italiana solicitou autorización para cultivar arroz transxénico con xenes humanos en Vinaròs, Castellón.

España acolleu o 42% de todos os experimentos con transxénicos ao aire libre que se realizaron na Unión Europea nos últimos anos, unha actividade con elevados riscos ambientais e sanitarios. A ocultación da súa localización exacta por parte do Goberno converteu a España no campo de experimentación das multinacionais do sector. Mentres o resto de países europeos publicaban esta información en páxinas web oficiais, o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM) resistiuse a facilitar estes datos ata logo da sentenza.

David Sánchez, responsable de Agricultura e Alimentación de Amigos de la Tierra afirmou: "O acceso público a esta información é un claro avance na transparencia sobre transxénicos. A posibilidade de que veciños e agricultores poidan protexerse da contaminación e exercer certo control social sobre as medidas de seguridade que deben adoptar estes campos é fundamental. Especialmente tendo en conta a falta de control por parte das administracións públicas".

O MARM foi incapaz de responder ás demandas de Amigos de la Tierra sobre as probas de control destes ensaios experimentais, e ata recoñeceu na última reunión do Comité de Participación sobre transxénicos que non se estuda a contaminación nas parcelas contiguas. A lectura das actas da Comisión Nacional de Bioseguridade demostran a grave falta de control sobre estes experimentos.

Existen xa varios casos de cultivos transxénicos experimentais que terminaron contaminando a cadea alimentaria a escala mundial. "Liberar transxénicos ao medio ambiente é un risco que non podemos asumir. Se non pomos freo, as multinacionais seguirán utilizando a España como campo de experimentación", engadiu Sánchez.

En 2011, Transactiva, unha empresa Italiana, solicitou permiso para cultivar ao aire libre un arroz con xenes humanos en Castellón. O obxectivo é obter unhas encimas para o tratamento da enfermidade de Gaucher.

"A produción de encimas para o tratamento desta enfermidade realízase en cantidades suficientes en ambientes confinados, evitando riscos para o medio ambiente e a saúde. Obter estas encimas a partir de plantas pode producir reaccións alérxicas nos pacientes, e os riscos se este arroz contamina cultivos alimentarios son demasiado elevados. O Ministerio debe rexeitar este experimento, xa que o seu obxectivo é puramente comercial, e expón un risco inaceptable para a saúde pública", declarou o responsable de agricultura e alimentación de Amigos de la Tierra.

Fonte: www.amigosdaterra.net