O Tribunal Europeo de Xustiza decidirá sobre a presenza de pole transxénico no mel.

O Tribunal Europeo de Xustiza decidirá o martes 6 de setembro sobre as implicacións da presenza de pole de cultivos transxénicos no mel. A decisión do Tribunal pode ter graves consecuencias para o sector apícola en España, único país da Unión Europea que cultiva transxénicos a gran escala. Consecuencias como a imposibilidade de comercializar a produción contaminada ou a necesidade da súa etiquetaxe como transxénica, o que suporía unha grave perda de mercados.

O fallo do Tribunal producirase por mor da denuncia dun apicultor alemán que se viu obrigado a destruír a súa produción ao atoparse nela pole de millo transxénico, cuxa presencia non está autorizada no mel. Esta sentenza afectará especialmente aos apicultores españois, xa que en España cultívanse ao redor de 70.000 hectáreas de millo transxénico cada ano, e realízanse case a metade dos experimentos ao aire libre con transxénicos da Unión Europea.

"A situación que poden afrontar os produtores de mel en España é outra gravísima consecuencia do cultivo de transxénicos. Non é xusto que os apicultores poidan terminar pagando pola nefasta política do Goberno nesta materia durante os últimos anos. Son estas empresas e o Goberno os responsables da situación actual, e teñen que asumir as posibles consecuencias económicas" afirmou David Sánchez, responsable de agricultura e alimentación de Amigos de la Tierra.

O fallo do tribunal [1] será clave na futura regulación dos cultivos transxénicos, tanto no que respecta á etiquetaxe, como á hora de definir quen asume a responsabilidade por contaminación ou para marcar as distancias que separen os cultivos transxénicos dos convencionais e ecolóxicos, así como a distancia coas colmeas. Se o Tribunal segue as recomendacións do Avogado Xeral [2], na liña de protexer os dereitos de consumidores e apicultores, as medidas necesarias para evitar a contaminación complicarían o cultivo de transxénicos en Europa.

"O Goberno debe elixir entre seguir apoiando os intereses de multinacionais como Monsanto ou protexer o sector apícola español. E a única maneira real que hai de evitar estas graves consecuencias é prohibir o cultivo de transxénicos en España" engadiu Sánchez.

Para máis información:

David Sánchez Carpio, Amigos de la Tierra
91 306 9921 - 691 471 389

Prensa de Amigos de la Tierra, Teresa Rodríguez
680 936 327 - 913 069 900

Fonte: tierra.org