Por terceiro ano consecutivo, a campaña Mallorca Libre de Transxénicos publica as localizacións de parcelas onde se cultivou millo das indias modificado xeneticamente na nosa illa.

Neste informe que vos presentamos atoparedes o resultado das prospeccións que fixemos na zona de Sa Pobla, onde máis millo das indias se cultiva na nosa illa.

No documento veredes que se localizaron diferentes parcelas nos municipios de Campanet, Muro e Sa Pobla. Mais o máis novidoso deste informe é que por primeira vez se indica onde están as parcelas cando aínda non están segadas.

Achegámosvos o informe en formato pdf. Tamén o podedes atopar na nosa páxina web en catalán.

Tamén vos achegamos un folleto informativo (traducimos unicamente o texto, non ten nin imaxes nin o formato do orixinal en catalán) sobre transxénicos para persoas consumidoras.

EN BREVE PUBLICAREMOS UNHA AMPLIACIÓN DO INFORME.
Se desexades poñervos en contacto coa campaña, podedes escribir un correo electrónico a: mallorcasensetransgenics@riseup.net

Atentamente,
Mallorca Lliure de Transgènics

Por unha Mallorca Libre de Transxénicos

Que pretendemos con esta campaña?
Que se faga efectiva a declaración do noso territorio como libre de transxénicos, aprobada no Parlament en outubro de 2007.

Que a Comisión de Bioseguridade exerza as súas funcións de vixilancia e control e que o Rexistro de cultivos transxénicos siga operativo.

Que nas Illes Balearas se aposte por un modelo agrícola sostible e respectuoso co medio amiente, que podia ofrecerlle á poboación alimentos de calidade e que asegure o mantemento do sector agrogandeiro.

Transxénicos? Nin no campo nin no prato
Hai uns anos que a Campaña Mallorca Libre de Transxénicos (MLT) loita para que a declaración do territorio libre de transxénicos aprobadas no Parlament en 2007 sexa unha realidade nas nosas illas.

Vista a falta de información transmitida sobre os Organismos Modificados Xeneticamente por parte das autoridades competentes en materia de agricultura, MLT viu necesario publicar este folleto destinado aos consumidores.

Que son os cultivos transxénicos?
Son aqueles cultivos cuxo material xenético se modificou mediante técnicas de enxeñería, inseríndolles material xenético procedentes doutras especies. Estas técnicas de enxeñería son ben diferentes das empregadas na xenética tradicional, que soamente combina material xenético entre variedades e individuos dunha mesma especie.

Na Unión Europea os cultivos transxénicos autorizados son de soia, millo das indias, algodón, pataca e colza. Ademais, España é o único estado membro con cultivos comerciais a grande escala de cultivos transxénicos para a elaboración de pensos.

Nas Illes Balears os transxénicos cultívanse desde 1998, sen ningunha medida de protección respecto á agricultura convencional e ecolóxica.

Cales son os seus riscos?
Os cultivos transxénicos representan un risco para o medio ambiente e para a saúde pública, xa que non se poden predicir os seus impactos a longo prazo.

Non supoñen ningún beneficio económico para os agricultores: non son máis produtivos e promoven o abuso de pesticidas e de herbicidas. Ademais, a isto hai que sumarlle que lles dan o control da produción de alimentos ás multinacionais agroindustriais e favorecen as grandes explotacións, feito que vai en detrimento dos pequenos produtores.

Provocan a contaminación xenética de cultivos convencionais e ecolóxicos, pondo en perigo a diversidade agrícola e as nosas variedades locais.

Onde podemos atopar transxénicos na nosa dieta?
A principal vía de entrada dos transxénicos é o consumo de carne, ovos e lácteos producidos con pensos con millo das indias e con soia transxénica.

Actualmente, boa parte dos pensos elaborados en Mallorca presentan ingredientes transxénicos.

Tamén podemos achar soia e millo das indias transxénicos como ingredientes ou aditivos nas dúas terceiras partes dos alimentos transformados que consumimos.

A normativa europea sobre etiquetaxe de transxénicos obriga a indicar a súa presenza nos alimentos soamente cando superan o 0,9% do peso dos produtos.

A pesar do rexeitamento masivo dos consumidores europeos aos transxénicos, esta normativa presenta importantes deficiencias:

Aínda que os pensos con ingredientes transxénicos se deben etiquetar, esta obriga non se fai estensiva á carne, aos lácteos e aos ovos producidos con estes pensos.

Moitos dos ingredientes e dos aditivos transxénicos empregados nos alimentos transformados non chegan ao 0,9% do peso total do produto, polo cal non existe obriga de etiquetalos.

Cal é a situación dos transxénicos en Mallorca?
En Mallorca, segundo o Ministerio de Agricultura, en 2010 sementáronse 77 hectáreas de cultivos de millo das indias transxénico MON810. Mais no rexistro de agricultura da Consellería da Presidencia do Goberno das Illes Balears só se inscribiron 65,52 hectáreas. Ademais, segundo os datos achegados polas declaracións da PAC que fan anualmente as explotacións agrícolas, estes cultivos están repartidos do seguinte xeito: 7,02 hectáreas en Campanet, 25,82 hectáreas en Palma e 27,82 hectáreas en Sa Pobla (notaredes que se sumades estas cifras, o resultado non cadra cos datos anteriores, feito que demostra a falta de rigor da administración).

Superficie de cultivos de millo das indias transxénico do ano 2010
Máis alá de todo isto, no ámbito legal existe a Comisión de Bioseguridade derivada do Decreto 66/2007 do 25 de maio. Segundo este decreto, a Comisión ten a obriga de facer o seguimento dos cultivos transxénicos nas Illes Balears. A realidade, porén, é que durante os últimos catro anos só se convocou unha vez, a pesar de que a súa propia normativa explicita que se debe reunir con temporalidade semestral.

www.autistici.org/mallorcasensetransgenics

AdxuntoTamaño
folleto_informativo_transxenicos_mallorca.pdf84.65 KB
Informe-2011-transxenicos_en-galego.pdf165.41 KB
Informe-2011-transxenicos.pdf244.36 KB
transgenics.pdf1.04 MB