26.11.2008 [ANOSATERRA.ORG] Os ecoloxistas reclaman a prohibición total dos transxénicos, tamén con fins de investigación, no país. A Cámara debate unha proposta do BNG para prohibilos na agricultura.

A Cámara debateu esta mañá unha moción do BNG para declarar "Galicia zona libre de cultivos transxénicos na produción de produtos, tanto destinados á alimentación humana como á animal, e a súa participación na Rede rexións europeas que se declaran libres de transxénicos". Mentres, na entrada do parlamento medio cento de cidadáns da Plataforma Galega Antitransxénicos manifestábanse con berros como "se non tedes fillos, será culpábel o millo!".

Charo Sánchez, voceira da Plataforma, acusou ao Goberno galego de "favorecer ás grandes multinacionais que só se preocupan por enriquecerse e prexudican á seguridade alimentaria".

Sánchez rexeitou a moción debatida hoxe no Parlamento de Galicia contra estes produtos, xa que permite o seu cultivo para investigación. A voceira denunciou que carece de "contido real algún" e reclamou que "non se deriven cartos públicos" para a investigación con transxénicos.

Verdegaia alerta dos experimentos da USC

Nesta liña, Xan Duro, directivo do colectivo ecoloxista Verdegaia, criticou que a Universidade de Santiago experimente con eucaliptos modificados xeneticamente en Compostela. Duro denuncia que a Universidade adique fondos públicos en desenvolver eucaliptos que resisten mellor as pragas e producen máis papel.

O voceiro de Verdegaia reclamou, "como mínimo", que a Xunta prohíba "totalmente" o cultivo de transxénicos con fins agrícolas e forestais.

ADEGA denuncia os intereses de multinacionais

Pola súa banda, Fins Eirexas, de ADEGA, valorou positivamente que a Cámara debatese este asunto. En todo caso, reclamoulle á Xunta que "lle pare os pés as multinacionais" e deteña o cultivo no país.

Eirexas denunciou que a UE permite que non se etiqueten alimentos como transxénicos se os ingredentes modificados non suman o 0,9 por cento. "A estratexia das multinacionais é meter os transxénicos por debaixo da porta até que sexa maioritarios nos supermercados".

Na Plataforma participan 23 asociacións, entre colectivos ecoloxistas, cooperativos de consumo responsábel e sindicatos, como o Sindicato Labrego Galego, que participou na protesta a través da súa máxima representante, Carme Freire.

Fonte: anosaterra.org