A PGA transmitiulle ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino o seu rexeitamento á sementeira de millo transxénico prevista para este ano nos concellos de Arzúa, Santa Uxía de Ribeira, Mesía, Vilalba e Chantada.
Compostela 26 xaneiro 09. Perante das concesións feitas públicas polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino (MARMA) para a sementeira de millo transxénico nos concellos de Arzúa, Santa Uxía de Ribeira, Mesía, Vilalba e Chantada (declarado Zona Libre de Transxénicos – ZLT), a Plataforma Galega Antitransxénicos transmitíu o pasado venres 23, baixo a fórmula “comentarios”* habilitada por devandita institución como único procedemento de participación cidadá posíbel, o rexeitamento manifesto da cidadanía galega perante do cultivo de organismos modificados xenéticamente (OMX´s) na Galiza.
Ademais de enviar os requerimentos ao enderezo electrónico proposto polo MARMA, os “comentarios” suscritos de xeito unitario pola PGA, así coma os apresentados por colectivos membros a título idividual (SLG, Amigos da Terra, ADEGA) foron rexistrados tamén nas oficinas da Subdelegación do Goberno español na Galiza, habida conta de que o método de envío únicamente por correo electrónico non semella ser un procedemento que aporte garantías dabondo á hora de deixar constancia da nosa oposición perante de tan forte ataque contra a biodiversidade da Galiza e o risco que supón para a nosa saúde coma posíbeis consumidores/as.
En canto ás reaccións suscitadas nos concellos afectados, até o momento temos coñecemento da intención de levar a cabo alegacións alomenos por parte do concello de Chantada.
A nivel estatal, a Plataforma Galega Antitransxénicos ten constancia do rexistro de “comentarios” por parte de Amigos de la Tierra, COAG, UAGA de Aragón, a Mesa por la Defensa de la Agricultura ecológica (que inclúe os comités de certificación de agricultura ecolóxica de todo el Estado), a plataforma Navarra contra los Transgénicos e algúns grupos de Ecologistas en Acción de Andalucía.
www.galizasentransxenicos.org A Plataforma Galega Antitransxénicos estase asesorando xurídicamente sobor do verdadeiro valor que o MARMA concede a estes “comentarios”, e denuncia a marxinación á que se atopa sometida a sociedade civil ao respeito deste tipo de decisións, levadas a cabo de xeito unilateral por gobernos e empresas, na procura dunha transformación dos procesos de produción alimentares baseada na privatización total dos mesmos.
As empresas transnacionais da alimentación que se benefician da concesión para sementar na Galiza organismos modificados xenéticamente (OMX´s) para a súa comercialización son Monsanto, Pioneer e Procase.
26-01-2009 Nota de Prensa da Plataforma Galega Antitransxénicos











Mér, 01/28/2009 - 10:14
Non coñecia a vosa web, moi interesante e moi recomendable, puxen un post no meu blog en referencia.
Son moi necesarias punto de información e accions como a vosa, canto mais concienciados estemos mais presión poderemos meter.
Saudos! http://crisistema.blogspot.com/
Enviar un comentario novo